• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2024

NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2024
4 FEBREIRO 2024

 

MANIFESTAS. Vol I, Fanny & Alexander

Fanny & Alexander estrea 2024 cun novo proxecto en clave de muller. MANIFESTAS reivindica o papel protagonista da gran cantidade, e variedade, de voces femininas que habitan a escena galega; unha conquista que, xunto co pulo da lingua e a naturalización de la tradición, ten sido eixo fundamental na normalización da nosa música nos últimos anos. MANIFESTAS VOL.I (A Regueifa Plataforma, 2024) é primeira entrega dunha serie de EP na que o dúo remesturará pezas dalgunhas desas poderosas voces de muller. Esta proposta, tan sinxela como complexa na súa execución musical, ispe as cancións das súas roupaxes orixinais e reconstrúeas desde as propias bases vocais, reinventándoas desde un punto de vista electrónico ata levalas a territorios tan inéditos como as pistas de baile. Dispoñible desde o 17 de xaneiro en plataformas dixitais, as catro artistas para este primeiro volume son Måi, Lucía Aldao, Ugía Pedreira e Su Garrido Pombo.

 

 

 

 

Revolución Chic, Brais Morán & Nassaufunk

Despedía 2023 con “Revolución Chic” o videoclip e estrea 2024 con Revolución Chic (2024) o álbum. Brais Morán presenta o seu terceiro traballo discográfico, agora acompañado de Nasaufunk, despois de Cruzando o eclipse (2015) e No mato do desespero (2018). Producido por Arturo Vaquero (Abrigueiro Estudios), o longo é unha revolución imaxinaria e social e, por suposto, unha revolución musical a ritmo de música disco na que se reencarnan as sementes da música negra, evocando a música dos 70 nas discotecas do futuro. Ademais dos Nasaufunk habituais —Antón Torroncho, Fran Castro, Manu Seoane y Xabi Cid— para Revolución Chic Brais Morán tamén contou con colaboracións como a de Nastasia Zürcher ou Carla Green.

 

 

 

 

 

O sabor da noite, Cita Doble

Desde Muros (A Coruña), Cita Doble chega co seu recentemente estreado primeiro álbum, O sabor da noite (2024), un EP de catro cancións «disfrutonas, cortiñas e ao pé» que destacan pola súa enerxía contaxiosa e letras apaixonadas, con estrofas que reflicten a intensidade do amor, a emoción da festa e demais experiencias do día a día da rapazada. Producido por Alex paredes, o debut discográfico deste dúo non só fai que o oínte se mova ao compás dos seus ritmos frenéticos, senón que o convida a cantar e desfrutar das súas pegañentas letras. Ese ambiente festivo que se sinte ao longo do EP o trasladan ao escenario nuns directos enérxicos, capaces de conectar co público e crear un ambiente divertido e caótico a partes iguais.

 

 

 

 

 

Denantes mortos que vivos II, FUNGO

Dous anos despois da primeira parte, FUNGO continúa a súa viaxe musical xunto a AGASALLO coa súa segunda entrega. Denantes mortos que vivos II (2024) recolle cinco cortes que seguen o ronsel do primeiro volume; unha fusión de electrónica, reguetón e rock alternativo que mergullará ao oínte nun universo sonoro onde resoan reminiscencias escuras e o fatalismo existencialista. Neste traballo non só amosan unha evolución na sonoridade con esa amálgama de xéneros, senón que, ademais, evidencia a súa habilidade para facer que os temas máis profundos se mesturen co humor e a ironía.

 

 

 

 

Respirando...Sempre!!, Factoría de Subsistencia

Estreando mes e ano, Factoría de Subsistencia lanzaba Respirando...Sempre!! (2024) en Aninovo. O binomio musical formado por Josito Porto e Sabela Dacal, acompañados desta volta por Rafa Otero (baixo) e Adrián Ríos (batería), presentan a súa terceira referencia, gravada en AldeaGlobal (Vilargacía de Arousa) e producida por Pablo Vidal. A ritmo de rock en acústico, o longo recolle nove cortes que cantan á vida real, ao día a día, á cotiandade, desde unha perspectiva irónica, con letras cargadas de humor negro, reflexión filosófica e crítica social.

 

  

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!

 

  noticias